31 may 2026

AXENTES POR UN DÍA: GARDA CIVIL EN ACCIÓN!

Esta semana tivemos a sorte de recibir a visita da Garda Civil dentro das actividades do Plan Director 👮💚.

Durante a xornada, o alumnado puido coñecer de preto o importante labor que realizan no seu día a día, descubrindo diferentes funcións e ámbitos nos que traballan para garantir a seguridade e o benestar da cidadanía 💫.

Ademais, amosáronnos parte do material e dos recursos que empregan no seu traballo, espertando unha gran curiosidade e interese entre os nenos e nenas.

Nesta xornada tamén compartimos experiencias co CEIP Plurilingüe Nantes e co CEIP Plurilingüe de Castrelo, cos que desfrutamos dunha mañá de aprendizaxe e convivencia.

Queremos agradecer á Garda Civil a súa cercanía e disposición. Sen dúbida, foi unha xornada educativa moi útil e interesante para toda a comunidade escolar! 👪










A NOSA META: A IGUALDADE!

O alumnado do noso centro participou na entrega de premios do concurso “E ti, que pensas da igualdade?”, organizado pola Deputación de Pontevedra, que tivo lugar na Lanzada.

Estamos moi orgullosos e orgullosas dos recoñecementos acadados polo noso alumnado:

🥈 Gael (4º de Primaria) conseguiu o 2º premio na categoría de 3º e 4º de Primaria, recibindo como agasallo un reloxo intelixente.


🥇 Eloy (6ºA) acadou o 1º premio na categoría de 5º e 6º de Primaria, sendo premiado cunha tablet.

🥉 Enia (5ºA) obtivo o 3º premio da mesma categoría, recibindo un lote didáctico.

👏🎉 Parabéns aos tres polos seus excelentes traballos e pola súa implicación na promoción da igualdade!

Ademais da entrega de premios, desfrutamos dunha fantástica xornada de convivencia cos demais centros participantes, chea de diversión, actividades e moita música 🎶😊. 

Sen dúbida, foi unha experiencia moi especial e inesquecible para todos e todas. 💜✨

28 may 2026

COMEZA A AVENTURA: DESTINO IES DE MEAÑO

O alumnado de 6º de Primaria visitou o IES para coñecer de preto o que será a súa nova casa o próximo curso 😊

Durante a xornada percorreron as instalacións, coñeceron parte do profesorado e descubriron como será esta nova etapa chea de aprendizaxes e experiencias. Ademais, tamén se realizou a asignación de alumnado titor 👥, que os acompañará e axudará nos seus primeiros días no instituto.

Unha mañá de nervios, ilusión e moitas ganas de comezar esta nova aventura! 🚀📚



25 may 2026

EDUCAR CONTRA O ACOSO

Na escola tamén se aprende a convivir, e por iso os obradoiros sobre acoso escolar son fundamentais. A través de dinámicas, xogos e reflexións, o alumnado aprende a recoñecer o acoso, empatizar e actuar sen quedar en silencio.

💬 Pequenos xestos como apoiar, acompañar ou avisar poden marcar a diferenza.

💛 Grazas á Asociación Amigos pola charla, pola cercanía e polo compromiso coa educación en valores e coa creación de espazos seguros para todo o alumnado.

🌱 Educar en convivencia é educar en respecto!

GRAN FINAL

O alumnado de 3º Ciclo viviu unha xornada moi especial coa celebración da final do noso “Coirón Talent”, dentro da materia de Contextos.

Tras semanas de preparación, ensaios e moita ilusión, as persoas participantes sorprenderonnos con actuacións cheas de creatividade: canto, baile, teatro e moito máis. 🎶💃🎭

👏 Queremos felicitar a todo o alumnado polo seu esforzo, valentía e compañeirismo.

Pero sobre todo, grazas a todas e todos por demostrar que o verdadeiro talento está en participar, gozar e compartir 💕. 



19 may 2026

Á PROCURA DAS LETRAS!

Un ano máis, o cole botouse a andar para seguir o roteiro das Letras Galegas. Entre pistas, carteis e moita curiosidade, fomos descubrindo quen foi Begoña Caamaño e por que este ano as Letras Galegas levan o seu nome.

Cada cartel agochaba unha historia, unha palabra ou unha idea para pensar e compartir. Así, paso a paso, enchemos a semana de cultura galega, aprendizaxe e ganas de seguir lendo en galego. 📚✨

18 may 2026

XOGOS NA RÚA

Con motivo da celebración das Letras Galegas, no noso centro desenvolvemos diferentes actividades relacionadas cos xogos populares e tradicionais dentro do proxecto “Xogos na Rúa”.

O alumnado gozou de propostas como a corda, a chave, os birlos, a mariola ou o pano, descubrindo xogos que forman parte da nosa cultura e tradición ✨.

Ademais de fomentar a actividade física e a convivencia, estas actividades axúdannos a manter viva a lingua galega e o patrimonio cultural de Galicia 💙.

PDI 2ºCICLO

Benvid@s a Coirón Show! ✨

O alumnado do 2º Ciclo presentou unha exposición moi creativa e emotiva baseada en pódcast sobre arte, demostrando grandes coñecementos e habilidades comunicativas. 

As presentacións permitiron descubrir diferentes manifestacións artísticas dunha forma dinámica e orixinal. 

Destacou o esforzo, a implicación e o entusiasmo de alumnado e profesorado, aos que se felicita polo excelente traballo realizado. 👏🎨🎙️




UNHA NOVA AVENTURA EN GALEGO!

Moi pronto unha mascota 🐾 moi especial comezará a viaxar polos centros do Salnés para compartir xogos, retos e actividades arredor da lingua galega 💙.

Pero antes de iniciar a súa aventura… precisa un nome!

🎨 Imaxinade, creade e propoñede ideas orixinais.
🌊 Un nome divertido, creativo e moi noso.
💬 Porque esta mascota falará galego, xogará en galego e levará o galego por toda a contorna.

Agora tócanos a nós decidir: Como lle chamamos? ✨


E o nome escollido ...... é!!!


  SALNESIÑA

DEBUXANDO AS NOSAS LETRAS

Con motivo da semana das Letras Galegas e da homenaxe á xornalista e escritora Begoña Caamaño, no centro expuxéronse os debuxos realizados polo alumnado para o noso xornal Ratinovas Press Nº9 🐭.

Queremos agradecer a todos os nenos e nenas a súa participación, ilusión e enorme talento artístico 🎨.

Grazas por encher o noso cole de creatividade e amor pola cultura galega! 💙

GALETEATRO

No CEIP Coirón-Dena vivimos unha nova aventura polas nosas letras!🎭📚 

O 14 de maio recibimos no cole a obra de teatro: “A gran viaxe das letras galegas até Begoña Caamaño” da compañía A Xanela do Maxín. 

Unha proposta chea de imaxinación, cultura e lingua galega para celebrar as nosas Letras Galegas 2026 dun xeito divertido e emocionante. 💙

Grazas ao Concello de Meaño e ás entidades colaboradoras por facer posible esta actividade tan especial para o noso alumnado.


7 may 2026

MOITA TELEVISIÓN!

Hoxe vivimos no cole unha desas xornadas que quedan gardadas na memoria. Tivemos a sorte de recibir a visita do alumnado do CEIP As Covas de Meaño, que chegou acompañado da compañía de teatro O Merlo para representarnos a divertida obra “Moita televisión!” 🎭📺

Foi unha experiencia chea de humor, creatividade e grandes interpretacións que nos fixeron rir, pensar e gozar do teatro en directo. Ademais, contamos cun anfitrión de luxo: Carlos Yus, de Migallas, que fixo aínda máis especial este encontro tan bonito entre centros.

Queremos dar as grazas a todas as persoas que fixeron posible esta actividade e felicitar ao alumnado e á compañía polo magnífico traballo realizado.

Parabéns polo talento, pola ilusión e por compartir connosco unha mañá tan especial! 👏✨



6 may 2026

BUSCAMOS PORTADA!

Xa está en marcha o concurso máis artístico do curso: a elección da portada e contraportada do noso Xornal Escolar Ratinovas Press, edición Nº9. E desta volta… queremos que sexas ti quen lle dea cor e personalidade! 🎨

O reto é sinxelo: deixa voar a túa imaxinación e crea un debuxo en formato vertical tamaño A4. A temática é libre, pero se precisas inspiración, podes mirar ao teu redor: o noso cole, o pobo de Dena ou o proxecto deste curso, “Rati CreARTe”, que nos mergulla nas sete artes (pintura, escultura, música…).

Non esquezas un detalle importante: escribe nome, apelidos e curso na parte traseira do teu traballo.

E hai máis! Todas as creacións formarán parte dunha gran exposición xunto ao mural dedicado a Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, quen tamén compartiu a súa paixón polo xornalismo.

Anímaste a deixar pegada no noso xornal? 🐭📰
Agardamos a túa obra!


RECONECTANDO NUN CLIC

Nunha época na que as pantallas forman parte do día a día 📱, a escola convértese nun espazo clave para reflexionar sobre o seu uso. Pero quen decide como, cando e para que empregar as novas tecnoloxías? A resposta non pode ser única nin unilateral: require dun diálogo aberto entre alumnado, profesorado e familias 🤝.

O alumnado achega a experiencia directa: son usuarios habituais, móvense con soltura nas redes e aplicacións, mais precisan ferramentas para desenvolver un pensamento crítico 🧠. O profesorado, pola súa banda, enfróntase ao reto de integrar a tecnoloxía con sentido pedagóxico, evitando que se converta nun simple distractor. E as familias, a miúdo preocupadas polo tempo de exposición ou polos riscos en internet 🌐, buscan equilibrio e orientación.

Este debate non trata de estar a favor ou en contra das pantallas, senón de aprender a convivir con elas de forma consciente e responsable. Falar, escoitar e acordar normas comúns pode transformar a tecnoloxía nunha verdadeira aliada da aprendizaxe e do benestar 💚.

Porque educar na era dixital non vai de dispositivos: vai de persoas que dialogan, deciden e medran xuntas .

Queremos expresar o noso sincero agradecemento ao psicólogo Óscar Páramos e á Asociación Avante polo seu apoio e implicación neste proxecto. A súa colaboración fai posible seguir construíndo espazos de diálogo, aprendizaxe e convivencia na era dixital 💫.


3 may 2026

PROPOSTAS MUSICAIS MAIO


Maio chega con luz, memoria e música que medra nas aulas 🎶

Este mes facemos un percorrido sonoro que mestura tradición e creación. As nosas letras laten ao ritmo de Begoña Caamaño, convidándonos a pensar, sentir e transformar.

Cantaremos á primavera, á identidade e ás historias que nos contan o mundo. Escoitaremos voces femininas e melodías que abren camiños, e tamén crearemos pequenas pezas, xogos de ritmo e poemas musicados.

Que maio soe a nós! Que soe a Begoña!! 💜🎵

👉 Preme ou escanea o QR para acceder á nosa listaxe en Spotify    

DESCUBRINDO SAN SIMÓN

O alumnado de 1º Ciclo gozou dunha saída moi especial á Illa de San Simón 🌊Entre natureza, historias e moitas risas, descubriron un lugar único cheo de encanto.

Un día diferente para aprender, compartir e crear lembranzas inesquecibles. Sen dúbida, unha experiencia para repetir!

COIRÓN TALENT

No 3º Ciclo estamos a vivir unha experiencia chea de talento, emoción e moitas ganas de sorprender: comezou o noso Got Talent na materia de Contextos! 🎤✨

As primeiras audicións xa nos deixaron momentos inesquecibles: música, baile, humor… e, sobre todo, moita creatividade. Cada actuación foi unha mostra do esforzo e da ilusión que hai detrás de cada participante.

Pero isto non fixo máis que comezar. Aínda queda moito camiño por percorrer e grandes sorpresas por descubrir. O seguinte paso? A esperada Semifinal, onde o nivel subirá e a emoción estará máis presente ca nunca.

Seguimos! 💫

CONTOS QUE VOAN

O alumnado de 6º de Primaria converteuse en contacontos por un día… e pasou algo máxico: os contos botaron a voar! 📖✨

Con voces cheas de emoción e imaxinación, levaron historias ás aulas dos máis pequen@s, facendo rir, soñar e viaxar sen saír do cole.

Esta actividade formou parte da nosa Semana do Libro, na que tamén gozamos doutras propostas como a recreación da portada do noso libro favorito ou a creación do mural “Ler dáche ás”.

Porque ler non é só pasar páxinas… é compartilas. Quen conta un conto, acende mil imaxinacións! 💫

Grazas ao Equipo de Biblioteca por facer posibles estas iniciativas que nos fan voar a través dos libros. 📚💙

2 may 2026

COIRÓN-NEWS

Hoxe compartimos con moita ilusión a revista creada polo alumnado de 6º na materia de Proxecto Competencial 📝✨

Nela atoparedes novas cheas de creatividade. Pero, sobre todo, veredes o resultado dun gran traballo en equipo e das ganas de aprender 💡

Agardamos que a desfrutedes tanto como eles e elas ao facela!

📖 Podedes vela aquí: https://www.calameo.com/read/008050611fee396f11aac

VIAXAMOS AO SÉCULO XX

O alumnado de 6º de Primaria convertiuse en “grupos de expertos” para achegar aos seus compañeiros e compañeiras aos feitos máis salientables do século XX: as Guerras Mundiais, o Fascismo, a Guerra Civil Española, o Franquismo ou a Transición á Democracia 🕰️🌍 .

A través de exposicións claras e creativas, explicaron causas, consecuencias e curiosidades, facendo que a historia cobrara vida na aula.

Unha experiencia de aprendizaxe compartida na que ensinar e aprender foron da man! 🤝





UN PATIO CON VOZ

O noso patio xa non é o mesmo, e iso é grazas ao alumnado. O que antes era un espazo baleiro está a transformarse pouco a pouco coas súas ideas, as súas mans e a súa ilusión .

Aquí, o alumnado non só xoga: decide, crea e coida 🌱. Deseñan recunchos, propoñen cambios e converten o patio nun lugar máis vivo, inclusivo e cheo de posibilidades.

Cada intervención, por pequena que sexa, deixa pegada 👣.

Porque cando lles damos voz, o espazo transfórmase… e eles e elas tamén!

1 may 2026

SEMENTAR, SEMENTAREI…

No noso horto vivimos estes días un momento especial: a sementeira. 🌾 

Coas mans cheas de terra e moita ilusión, fomos colocando pequenas sementes que, pouco a pouco, se converterán en plantas cheas de vida. 🌱

Aprendemos que cada semente é un pequeno “milagre durmido” que precisa coidado, auga e sol para espertar. Sementamos leitugas, cenorias, amorodos… observando como a natureza segue o seu ritmo con paciencia e sabedoría.

Traballar no horto non é só plantar: é aprender a esperar, a coidar e a respectar o medio ambiente. Agora tócanos unha nova tarefa importante: regar, observar e anotar cada cambio para ver como medra o noso pequeno ecosistema.

Porque no horto escolar, cada día é unha lección viva! 🌿

SUPERLIGA SAUDABLE

Na nosa escola seguimos apostando por hábitos de vida saudables… e unha vez máis, facémolo a través da nosa Superliga Saudable! 🌱💪

Un proxecto cheo de enerxía que inclúe propostas tan motivadoras como os espertares máxicos para comezar o día con bo ánimo, descansos activos para manter o corpo en movemento, o innovador método HERVAT, a mochila sa e segura para coidar das nosas costas, o divertido Fruitcounter para fomentar o consumo de froita… e moito máis!

👉 Podes coñecer máis sobre esta iniciativa na seguinte ligazón:

Cada pequena acción suma para construír un estilo de vida máis equilibrado e consciente, e o mellor de todo é que o facemos xunt@s, aprendendo e gozando polo camiño.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao Equipo Promotor de Hábitos Saudables (EPHS) por impulsar esta iniciativa tan chula e saudable. Grazas por inspirarnos a coidarnos e a dar sempre o mellor de nós! 🍎✨