30 mar 2026

EN GALICIA HAI MOITA ARTE!

O vindeiro 1 de abril é o Día das Artes Galegas 🎨.

Este ano 2026 adícanselle ao fotógrafo José Suárez.

Para conmemorar este día, realizaremos a nosa propia exposición de fotografía! 📷

A temática é libre e as fotos deben ser o máis creativas posibles.

Anímate e participa! ✨


PROPOSTAS MUSICAIS ABRIL

Aquí están as propostas musicais para este mes! 🎵🎶

Abril chega con novos sons e enerxías frescas, perfectas para acompañar os días máis longos e a primavera en pleno auxe 📖🌼.

Esperamos que vos gusten!! 



 (Pincha ou escanea o QR para acceder á nosa listaxe en Spotify)

COAS MANS NA TERRA

Comezamos a preparar o noso horto: limpar, preparar o terreo para que cada semente teña o mellor comezo. 

O verde está a piques de chegar! 🌱


AVENTURAS GATUNAS!

Hoxe recibimos unha visita moi especial: Eva Mejuto veu contar as historias de “10 gatiñas viaxeiras” e “Queco e Kika” 🐱

As nenas e nenos de Infantil e 2º ciclo riron, soaron “miau” e deixaron voar a imaxinación acompañando aos personaxes nas súas aventuras 📕.

Unha mañá chea de libros, amizade e moita diversión! ✨

MOZART Á GALEGA

A nosa biblioteca viviu unha xornada moi especial coa visita da recoñecida escritora Fina Casalderrey, que veu presentarnos o seu libro O xenio da Cidade do Sal, o cal versa sobre aspectos tan interesantes como a vida de Mozart ou o Camiño de Santiago ✨.

Foi un encontro cheo de emoción, aprendizaxe e, sobre todo, amor pola lectura! 📕E se non fose suficiente, o talento musical do noso cole fixo soar notas que acompañaron a xuntanza, lembrándonos que aquí a creatividade non ten límites🎵🎶 .

Grazas Fina! Ata a próxima!! 💙

22 mar 2026

ONDE A PALABRA FLORECE

Cada 21 de marzo celebramos o Día Mundial da Poesía.

Este xénero agroma en cada recuncho: no mar, no vento, nas lembranzas.... É o seu día, pero tamén é de quen a escribe e a recita.

Dende Meaño, Herminia Fariña Cobián, tece versos coa raíz da terra e o sal do Atlántico, facendo do pequeno algo inmenso.

Porque a poesía non só se le: séntese! 💗

20 mar 2026

UN DÍA NO MUSEO

O 3º Ciclo puxo rumbo ao Museo de Pontevedra para vivir a historia en primeira persoa 🏛️🎨.

Entre cadros, esculturas e pezas sorprendentes, convertémonos en pequenos exploradores do pasado. Cada sala agochaba unha historia e cada obra, unha pregunta nova.

Non só miramos… tamén pensamos, opinamos e descubrimos!

Volvemos ao cole cunha mochila chea de curiosidade, ideas e ganas de seguir aprendendo ✨.

19 mar 2026

PARQUE DOS SENTIDOS

O alumnado de 1º Ciclo realizou unha saída ao Parque dos Sentidos de Marín, onde puido gozar dunha xornada de aprendizaxe en contacto coa natureza.

A través dos sentidos, exploraron a contorna, descubriron novas sensacións e compartiron momentos de convivencia cos seus compañeiros e compañeiras.

Foi unha experiencia moi positiva e enriquecedora para todos e todas! 🌼

16 mar 2026

VISITA RAMÓN VEIGA

A pasada semana a nosa biblioteca encheuse de historias coa visita de Ramón Veiga. 

Co seu libro "Chove!", o alumnado do 1º Ciclo mergullouse nun encontro cheo de humor, imaxinación e ganas de ler. 

Unha experiencia moi especial… na que tamén choveu lectura! 📚🌧️




9 mar 2026

A MULLER A TRAVÉS DA ARTE

Con motivo do Día da muller (8 de marzo), o alumnado realizou un mural titulado “A muller a través da arte”🎨🎬🎭🎵

Para esta actividade investigaron sobre diferentes mulleres artistas (Maruja Mallo, Soledad Penalta, Mercedes Ruibal...) e coñeceron aspectos da súa vida e das súas obras.

Ademais, cada estudante elaborou un debuxo inspirado nesta conmemoración. 

Todos os traballos xuntos formaron un mural colectivo que pon en valor a creatividade do alumnado e axuda a visibilizar o importante papel das mulleres na historia da arte.

Ollade que fermoso nos quedou!!💜👏

CONCURSO CARTEIS E LEMAS

Un ano máis, convocamos o Concurso de Carteis e Lemas polo Día da Muller (8 de marzo) 💜.

Despois dunha dificilísima escolla, o noso xurado elixiu o debuxo gañador deste curso.

O cartel escollido para facer o adhesivo e agasallar a todo o cole é o de ... Eloy de 6º A!! PARABÉNS!!! 👏🎉


GRAZAS A TOD@S POR PARTICIPAR!!! E TAMÉN POLO VOSO GRAN TALENTO!!

6 mar 2026

V CARREIRA POLA IGUALDADE

Un ano máis, reuniremos no Campo de Fútbol As Cachizas de Dena para correr pola igualdade! 💜

Anímate e participa!!! Esperámosvos!! 


O mal tempo non impediu que realizaramos a nosa esperada carreira!


Grazas ao alumnado, ao profesorado e por suposto, ás familias por facela posible!! ✨

TABOLEIROS COMUNICATIVOS

Nos nosos patios incorporamos taboleiros comunicativos inclusivos, unha ferramenta visual que axuda ao alumnado a expresar necesidades, emocións e propostas de xogo a través de palabras e pictogramas.

Estes taboleiros están pensados especialmente para quen utiliza Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAAC), pero convértense nun recurso útil para todo o alumnado. Grazas a eles, é máis fácil pedir axuda, propoñer un xogo, invitar a participar ou expresar como nos sentimos.

Con esta iniciativa seguimos avanzando cara a un patio máis accesible, participativo e inclusivo, onde todos e todas teñan a oportunidade de comunicarse e formar parte do xogo ✨👪 .

Infantil
Primaria

PROPOSTAS MUSICAIS MARZO

E aquí están as propostas musicais deste mes de marzo! 🎵🎶

Todas adicadas ás mulleres das nosas vidas!!! 👩👧

Esperamos que vos gusten!! 💜

    (Pincha ou escanea o QR para acceder á nosa listaxe en Spotify)

DÍA DE ROSALÍA

Pola súa proximidade e relación, fusionamos o Día das Linguas Maternas e o Día de Rosalía de Castro 💙.

Elaboramos un mural da escritora no taboleiro do EDLG, que se atopa enfronte á biblioteca e polo que transita todo o alumnado do centro. 

O alumando de infantil encargouse de decorar a Rosalía, os cativos/as do 1º Ciclo de Primaria escribiron e debuxaron palabras en galego, os nenos/as do 2º Ciclo recompilaron refráns, ditos, adiviñas, trabalinguas... e a rapazada do 3º Ciclo confeccionaron e recitaron poemas desta autora 📝.

Ollade que fermoso nos quedou!!! ✨